Trives Vello

 

 

Está a dous quilómetros da Pobra de Trives, na saída cara Ourense. Existe un camiño local de 0,5 quilómetros de lonxitude que nos dirixe a este interesante lugar. Varios autores sitúan nel a mansión romana Nemetóbriga.

 

Abundan os restos arqueolóxicos correspondentes a diversas etapas históricas. Achamos, por exemplo, o baseamento dunha columna estriada de indubidábel orixe romana ademais de: ladrillos, cerámica galonada do século II, un muíño de tafona e diversas inscricións.

 

Nos muros das fincas e nas paredes das vivendas están encaixadas numerosas pezas como muíños, esvásticas, sogueados, bases de columnas e outros elementos de tipoloxía castrexa.

 

Existe a crenza local de que Trives foi a capital histórica da comarca, aludindo a un suposto palacio enterrado no que vivía antigamente o rei.

 

Entre os restos achados atópase a parte superior dunha dobre fiestra con carácteres epigráficos, de indubidábel catalogación prerrománica.

 

Un interesante cruceiro érguese sobre un plinto no campo da festa.

 

Ao percorrer as súas rúas obsérvanse algunhas pedras de armas artisticamente traballadas.

Compartir Face