Pazos

 

 

PAZO DO MARQUÉS DE TRIVES

 

O marquesado de Trives é o primeiro título concedido durante o reinado de Afonso XII na persoa de don Nicanor Alvarado. O pazo aínda mostra o aspecto fortificado dun castelo e o núcleo de poder e influencia. O fermoso pazo non só mostra o esplendor nobiliario na comarca, senón que tamén esconde no seu interior unha chea de “tesouros”.

 

Está situado no centro urbano da Pobra de Trives e a súa construción data do século XIX.  Aínda que non presenta detalles arquitectónicos de grande importancia ten un forte aspecto señorial. É unha mestura de cantaría e cachotaría revestida, que forma  almofadado. As cercas, beirados, ménsulas, impostas e  pilastras son de cantaría, mentres que as reixas e balcóns son de forxa.

 

Na fachada está o blasón, realizado con esmero, coas armas do marquesado. Está cuarteado en cruz, con escusón no que figuran cinco flores de lis que corresponden ao apelido Alvarado e que constitúen, á vez, as armas do marquesado.

 

O conxunto alberga construcións máis antigas e suponse que son dependencias da antiga casa solar.

 

A construción conta cun romántico parque onde se encontran importantes recordos da dominación Romana: aras, miliarios, inscricións… Así como espléndidos exemplares arbóreos.

 

Este pazo chama a atención entre os visitantes polas súas dimensións e o seu aspecto de fortaleza ameada.

 

CASA GRANDE

A Casa Grande de Trives foi fundada no século XVII polo matrimonio formado por  don Antonio Pérez Mercero e dona Catalina Rodríguez Nieto. Dende entón esta casa pasou por diferentes etapas, unhas mellores que outras, reflexo non só das distintas circunstancias dos propietarios, senón tamén da historia da A Pobra de Trives e incluso de Galicia.

 

Coma todos os pazos ten a súa época de esplendor no século XVIII, cara fins do século XIX e mediados do XX o pazo sofre unha etapa de decadencia ao igual que moitos outros durante esta época, incluso chegando ao abandono definitivo de moitos. Cara fins do século XIX rómpese de maneira irregular o morgado, polo que unha parte da Casa Grande de Trives e das súas fincas pasan a mans alleas á familia.

 

No caso da Casa Grande de Trives, a maior ferida prodúcese no ano 1969, que é cando perde unha parte importante da súa estrutura, despois dun longo tempo de abandono, pasado polo que a súa propietaria recupera o control e volve de novo ás mans da familia cumpríndose así o desexo da súa avoa. Perante o estado de case ruína a propietaria decide darlle vida de novo, polo que no 1989 inicia unha actividade tan pouco coñecida en Galicia naquel entonces como era o turismo rural. A Casa Grande de Trives é un pazo pioneiro neste tipo de “turismo en pazos”, ofrecíalle ao turista sete elegantes habitacións magnificamente decoradas.

 

Este monumental pazo urbano está situado no centro da vila e no seu blasón, de notables proporcións e coidada execución, ostenta as armas dos apelidos Domínguez, Gayoso, Quiroga e Losada.

 

Conserva case intacta a súa configuración orixinal. A fachada principal posúe dous balcóns corridos, de atrevido beiril, a ambos lados do corpo principal, onde se levanta a torre, e entre as súas fiestras sitúase a pedra de armas. O edificio distribúese  en torno a un patio central con sobrias columnas de pedra e circundado por rechamantes galerías, de onde parte unha escaleira que dá acceso ao primeiro andar e no centro do patio unha fonte no medio dun lousado de granito rústico.

 

Posúe unha capela baixo a advocación da Virxe do Carme, con campanario apegado á  fachada e cun magnífico retablo datado no século XVII xemelgo do da Casa da Peña. Esta capela goza do privilexio episcopal de exposición do Santísimo.

 

PAZO DOS CASANOVA

 

Construción de orixe monástico e presidida por un fermoso escudo. As pedras de armas son un constante no percorrido polo lugar e recórdanos o carácter fidalgo que no pasado tivo a vila.

 

PAZO PARADELA

 

Dista a dous quilómetros da Pobra de Trives, na parroquia de San Xoán de Barrio. É un pazo que se encontra illado no medio dunha grande finca. Presenta una planta en escuadra con patio formado polas edificacións e un murallón onde está o gran portalón de acceso. A súa construción remóntase ao século XV, aínda que sufriu moitas reformas posteriores. Enriba do portalón destaca un escudo acuartelado coroado por cimeira.

 

Dentro da finca está a capela, con planta rectangular e fachada sinxela rematada en cornixa de pedra cunha cruz.

 

Na actualidade este pazo está aberto. Nun lugar privilexiado, ao turismo e dispón de habitacións con excelentes vistas.

 

PAZO A FREIRÍA

 

Está na parroquia de San Xoán de Barrio, a tres quilómetros de A Pobra de Trives. Foi construído sobre un antigo asentamento monástico da orde de San Xoán de Xerusalén. O seu aspecto é bastante lamentable. Os elementos destacados desta construción son as dúas torres e unha solaina de madeira sobre piares de pedra. Na súa parte posterior ten un gran patio con murallón onde se conservan restos do que foi a capela.

 

No escudo que se conserva actualmente poden verse os brasóns dos Losada, Feijoo e Quiroga.

 

Na actualidade este pazo está aberto ao turismo

 

PAZO DA CORGA

 

Está situado no municipio de Piñeiro que dista a dous quilómetros da vila. A portada, que está reforzada por dúas torres, é a peza máis importante deste conxunto e é a que menos reformas sufriu ao igual que o patio. Encima do portalón de acceso loce unha magnífica pedra de armas de perfecta execución.

 

PAZO DE BARBEIRÓN

 

Está situado  na vila de Sobrado, a seis quilómetros de A Pobra de Trives. É, sen dúbida, o pazo máis elegante da comarca. Dunha boa cantaría, a súa construción responde á arquitectura propia do século XIX, de aspecto romántico e connotacións señoriais. A Súa planta é rectangular de fachadas similares, a principal orientada ao sur cunha galería baixo a que se abre un portalón principal e no oeste sobresae a pedra de armas. Ten dous andares e un destacado faiado.

 

Na actualidade o pazo está dedicado ao turismo rural.

 

PAZO DO COBATO

 

Este pazo forma parte do núcleo da poboación de Sobrado. A seis quilómetros de A Pobra de Trives e a poucos metros do Pazo de Barbeirón.

 

A súa construción está datada no 1847 segundo unha inscrición da capela que reza: “ Edificouse en 1847 un Suárez de Puga Cabaleiro da  R. Orde de Carlos III”.

Edificio de planta rectangular e de pequenas dimensións construído en cantaría revocada e encintada, o que lle dá unha certa orixinalidade.

 

PAZO DE SAN LOURENZO

 

Este pazo sitúase na parroquia de San Lourenzo a tres quilómetros de A Pobra de Trives. Foi construído en diferentes etapas. Algúns datos confirman a existencia do pazo dende principios do século XVII. A construción é de cantaría encintada, utilizando a cantaría para enmarcar as fiestras e portas nos dous andares. Na actualidade está aberto ao turismo.

Share