Capela da Encarnación

 

 

Ao carón da Ponte Navea, que separa os concellos da Pobra de Trives e de San Xoán de Río, localízase unha antiga e pequena capela da época medieval, aínda que a súa orixe se sitúa en tempos da época romana, aos pes da Vía XVIII ou Via Nova, que unía Astorga con Braga, coa posible existencia dun templo na súa localización. A pequena capela de mampostería con cuberta de tella a dúas augas e dunha soa planta rectangular encóntrase acaroada a un antigo e rudo alpendre.

 

Na fachada destaca o arco de medio punto da porta de entrada, sobre a que se sitúa unha cruz labrada na doela central, que corresponde á Orde de Malta ou de San Xoán de Xerusalén. Esta, era unha orde de monxes guerreiros e a súa función era a de protexer aos viandantes que peregrinaban por aquí ata Santiago de Compostela. Por iso sabemos da existencia dunha ruta xacobea pertencente ao Camiño de Santiago, que aproveitaba parte da Vía XVIII no seu itinerario. Unha antiga fonte e un rústico lavadoiro érguense a un lado do camiño. Este punto foi quizais unha especie de "aduana" ou albergue para todo aquel que camiñaba por esta comarca.

 

 

Compartir Face