Sarabela teatro chega ao Auditorio Julio Vázquez coa obra “Normas para saber vivir na sociedade actual”
|
Mantendo a actividade cultural da vila sempre activa, o vindeiro 8 de setembro, domingo, às 19h. represéntase no Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives a obra “Normas para saber vivir na sociedade actual”, de Sarabela Teatro. Escrita no 1993 por Jean Luc Lagarce, o autor contemporáneo máis representado en Francia, parte dun coñecido manual de boas maneiras escrito no século XIX pola inexistente baronesa de Staffle, quen de forma sutil dá instrucións de como debemos comportarnos. Como nos conta a propia compañía “Nacer non é complicado, morrer é moi doado, vivir entre estos dous acontecementos non é necesariamente imposible”. Baixo a forma dun divertimento irónico, cómico e en aparencia lixeiro escóndese a crítica feroz a unha sociedade que, coas súas normas e coa súa hipocresía, fai imposible a sinceridade. Un xeito de xogar co tempo e o espazo, o ton e a fragmentación da conciencia na que parecemos habitar. Este domingo, 8 de setembro, ás 19:00h, Sarabela Teatro achegan ata A Pobra de Trives o seu espectáculo: "Normas para saber vivir na sociedade actual" dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda. Este é un espectáculo onde as accións que se presentan provocarán a risa e o goce do público. |