Dentro do programa de verán do Concello da Pobra de Trives, este ano, entre outras exposicións e actividades, contamos cunha sorprendente exposición de arte.
O edificio Santa Leonor acolle, na súa sala de exposicións, “RECUPERART” de Joaquim Riera. Esta será a primeira exposición en Trives deste autor chegado desde Cataluña, e permanecerá aberta do 2 ao 18 de agosto. O vindeiro 8 de agosto ás 19h. será a súa inauguración e nela o autor explicará aspectos da súa obra tales como materiais, significado, etc...
RECUPERART
Nesta exposición, como o propio autor sinala, cun pouco de imaxinación e aproveitando os volumes e texturas dos propios materiais como o cartón, caixas de ovos, plásticos, latas, circuítos impresos..., pódese realizar traballos verdadeiramente sorprendentes e facer un novo estilo de arte en tres dimensións. O autor nesta mostra presenta 20 cadros e 20 esculturas , nos cadros podemos atopar desde materiais tan pequenos coma un dente dunha cremalleira ata un palet, mentres que nas esculturas apreciaremos como se basan en madeiras, recuperadas da propia natureza nas cales ensabla ferros, obtendo como resultado orixinais figuras.
JOAQUIM RIERA
Pintor, deseñador gráfico, ilustrador. Fai xa máis de 30 anos en 1978 que obtivo o título de graduado en Artes Aplicadas na Escola Massana de Barcelona. Desde entón ata o día de hoxe, traballa como deseñador gráfico. iniciouse no mundo da ilustración coa técnica do aerógrafo, conseguindo traballos hiper-realistas para varios clientes, como Calisay, Cromogenia Units, xeados Camy. Posteriormente coa chegada das novas tecnoloxías, foi substituíndoa polo novos software como o Photoshop e Illustrator. E agora, desde o verán do 2012, está a traballar unha nova técnica, a de recuperar materiais para realizar obras de arte, esta é a que lle da nome á súa exposición RECUPERART. O principio desta exposición nace en Manzaneda, onde o artista pasa os verán desde fai máis de corenta anos, e de ahí a ilusión de poder expoñer nestas terras.
Animámosvos a todos e todas a que pasedes pola sala de exposición de Santa Leonor para gozar desta escolma de obras elexidas polo autor para esta mostra.

|