Encontro Comarcal na Pobra de Trives para dar información e contar coa participación pública na elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

 

 

 

 

Onte tivo lugar na Casa do Concello da Pobra de Trives, o Encontro Comarcal participativo para a elaboración da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia. Por unha banda, ás 11:30 da mañá foi o encontro co persoal político e técnico dos Concellos pertencentes á comarca Sil-Bibei-Navea, e xa ás 18:00h. houbo un segundo encontro dirixido a asociacións, empresas, persoas a título persoal, etc.
A Xunta de Galicia -en colaboración coas universidades da Coruña e Santiago- encabeza a aplicación da estratexia no país, e para iso está levando a cabo uns encontros comarcais abertos dirixidos tanto para administración local e persoal técnico como para a veciñanza e as entidades co fin de que estas poidan achegar propostas sobre como levala a cabo do xeito máis eficiente e coa maior rentabilidade.
Cando falamos de Infraestrutura verde estamos a falar dun concepto de ordenación do territorio dende o punto de vista ambiental para asegurar o mantemento dos ecosistemas, conectalos entre eles e recuperar hábitats danados co obxectivo de que nos poidan proporcionar máis e mellores bens e servizos, xa sexan ambientais ou sociais (servizos de regulación, servizos de abastecemento e servizos culturais, de benestar, saúde, paisaxe,…)
Estas redes de espazos verdes planificados poden proporcionar múltiples beneficios a través do soporte dunha economía verde, a mellora da calidade de vida, a protección da biodiversidade e o incremento da capacidade dos ecosistemas para proporcionar servizos como a redución do risco de desastres naturais, a purificación da auga, a calidade do aire, os espazos de ocio e a adaptación e mitigación do cambio climático.
Esta estratexia de infraestrutura verde de Galicia estase construíndo en tempo real coas achegas da sociedade. O documento completo, que virá ser unha guía de boas prácticas de cara ao futuro, deberá estar rematado a finais deste mesmo ano.
O encontro foi levado a cabo dun xeito dinámico e no que o público asistente tivo un papel activo, participando en enquisas a través dos seus dispositivos móbis e expresando o seu parecer sobre a súa visión para combinar a sustentabilidade ambiental co desenvolvemento socioeconómico.

 

                    - Vídeo Estratexia de infraestrutura verde de Galicia

 

 

 

Compartir Face
 

  

 

logo CIM 2018