Benvida do alcalde presidente do Concello da Pobra de Trives

Quero darvos a benvida a este espazo virtual do Concello da Pobra de Trives. Vouno facer como alcalde e tamén como cidadán que comparte as aspiracións do conxunto da veciñanza de contar con ferramentas útiles para mellorar a nosa vida diaria.

O noso sitio na rede ten o obxectivo de facernos a vida máis cómoda, ofrecernos pequenos datos que necesitamos para resolver asuntos cotiáns e ofrecer ferramentas para realizar xestións, facer peticións ou mesmo deixar queixas. Tamén é unha maneira de achegar a cidadanía á xestión diaria do concello e o modo o máis directo de que o conxunto de veciñas e veciños saibades no que estamos traballando.

Espero contar coa vosa participación. Por iso vos convido a que lle escribades ao voso alcalde para facer suxestións, achegar ideas e mesmo críticas para que entre todos poidamos facer do noso municipio un lugar mellor para vivir e traballar.

A web municipal da Pobra de Trives tamén é a carta de presentación do concello na aldea global. A todos e a todas os que nos encontren ou busquen quero darlles unha benvida especial. Un paseo polo sitio será determinante para comprobar que Trives é un lugar apropiado para os que busquen lecer, teñan curiosidade pola historia pasada ou mesmo queiran participar con ideas e inversións na construción dun futuro mellor.

Remato como comecei. Benvidos á Pobra de Trives.

O alcalde

Francisco José Fernández Blanco

Compartir Face